O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, comparou a situación que se está a vivir coa cidade deportiva do Celta, á que se opoñe o Goberno local, coa do complexo que se quere construír en Cabral. “Hai que ter moi pouca vergoña para presentar estas alegacións ao proxecto da cidade deportiva de Mos e manter un silencio interesado co proxecto de Porto Cabral en Vigo. Silencio que supón apoio explícito do Goberno de Abel Caballero”, declarou Pérez.
Por iso, a formación considera que “máis aló de preocuparse polo que fai o Concello de Mos”, o alcalde vigués “debería aclarar se está disposto a apoiar o enésimo intento de desenvolver Porto Cabral” e, sobre todo, “se está disposto a colalo pola porta de atrás da Ordenación Provisional”.
A esta denuncia uniuse o BNG de Vigo, que reclamou a Caballero que “poña fin á permanente improvisación e opacidade” coa que está a xestionar a posible construción dunha grande área comercial e de lecer en monte comunal.
«Nin un só metro de monte comunal pode destinarse a unha operación especulativa, un pelotazo urbanístico, e menos a un macrocentro comercial», asegurou Xabier Pérez Igrexas este mércores. O portavoz municipal das nacionalistas tamén lembrou que se a operación prevista en Mos vai ter, como argumenta o propio Concello de Vigo, un impacto negativo para o tecido comercial da cidade olívica, “maior será o impacto con Porto Cabral”. “Este proxecto só pode resucitar coa complicidade de PSOE no Concello e do PP na Xunta», engadiu.