«Novas infraestruturas que permitan unha mellor mobilidade, a rehabilitación e dinamización urbana para facer unha cidade máis habitable, unha Cidade da Xustiza que suporá a posta en valor dun edificio emblemático da cidade, a facilidade de acceso á vivenda, ademais dunha mellor educación, máis prazas e servizos sociais e unha mellor asistencia sanitaria».
Estas foron algunhas das medidas que anunciou este mércores Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP nas Eleccións Autonómicos do 25, durante a presentación do seu programa no monte Castro de Vigo.
Infraestruturas
No eido das infraestruturas, Feijóo destacou a construción da Autovía do Morrazo e o Plan de Sendas nas comarcas de Vigo e do Morrazo, ademais de continuar coa humanización de treitos urbanos de estradas autonómicas na área metropolitana e o compromiso de acometer actuacións de mellora da calidade urbana e de demandar ao Goberno a conversión en vía urbana do ramal da AP-9 entre García Barbón e Avda. Bos Aires.
Ademais, tamén subliñou a construción da estación intermodal de Vigo para a que xa teñen comprometidos os fondos e o proxecto construtivo coa redacción moi avanzada.
Para contribuír á mellora urbanística de Vigo, indicou que continuarase coa rehabilitación do Casco Vello e impulsarase a creación dun albergue de peregrinos.
Tamén no que respecta ás propostas relacionadas coa política de vivenda e solo empresarial mencionou a urbanización e ampliación do Polígono de Navia, coa que se dotará á cidade de máis solo para a construción de 1.600 vivendas protexidas.
.@FeijooGalicia en #Vigo: O que ofrecemos ós cidadáns é o único programa electoral que hai en Galicia. #EnGaliciaSi pic.twitter.com/1atbQvZQJ1
— PP Pontevedra Prov. (@pontevedrapp) 7 de septiembre de 2016
Así mesmo, unha vez declarado o Camiño Portugués pola Costa, este incluirase na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago. Deste xeito, desde A Guarda pasando por Oia, Baiona, Nigrán e Vigo poderán beneficiarse das axudas de rehabilitación do Programa Vivendas no Camiño.
Educación
No tocante as propostas relacionadas coa educación, o presidente avanzou que os populares mellorarán as infraestruturas con múltiples intervencións entre as que destacan o novo IES de Soutomaior, a ampliación do IES de Teis, ou a ampliación do CEIP A. Rodríguez Castelao en Navia.
Tamén asumíu o compromiso de estudar a construción dun novo IES en Navia ademais de seguir apoiando ao Campus do Mar como Campus de Excelencia universitaria. Igualmente, o dirixente tamén anunciou que se mellorarán as infraestruturas deportivas e se acometerá a mellora integral da pista de Atletismo de Balaídos.
No eido social, outra das propostas do programa dos populares galegos é poñer a disposición dos vigueses unha nova residencia de maiores, ademais de seguir co Programa de Apoio á Natalidade cunha nova escola infantil.
Sanidade
E no eido da sanidade, novas intervencións nas infraestruturas no Hospital Meixoeiro e no Álvaro Cunqueiro, estando previsto para este último o desenvolvemento de novas unidades como a Psicoxeriatría, Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, Pluripatolóxicos e a recentemente iniciada atención aos lesionados medulares.
Por outra banda, durante a súa intervención, o presidente tamén falou do compromiso de impulsar a ampliación das instalacións de IFEVI, garantindo así o futuro de Conxemar, financiando a ampliación e só precisando a cesión dos terreos.