Determínanse así catro infraccións administrativas, tres de tipificadas como graves e outra de carácter leve. Segundo o goberno galego, as inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo “poñen de manifesto o incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo, requiríndolle o Concello a aplicación das consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria”.
Na comunicación, acórdase tamén a suspensión temporal do funcionamento do Laboratorio Municipal para a realización de análises da auga para consumo ou de calquera actividade para a que se lle esixa a posesión de certificación ou acreditación.
“Nas análises realizadas polo laboratorio na billa do consumidor en 2016 e 2017 se detectan ata 24 analíticas que cualifican a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade”, explica a Xunta. En canto a 2015, sinalan que non se realizaron a totalidade das análises na billa do consumidor.
Ademais, segundo os técnicos sanitarios da Consellería, ningún destes incumprimentos foi confirmado cunha segunda analítica antes das 24 horas de terse detectado, nin comunicado polo Concello de Vigo á autoridade sanitaria. Tampouco están dispoñibles estas analíticas de control en billa no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac). 0
Neste senso, Sanidade lembra que a xestión do abastecemento correspóndelle a empresa municipal encargada do servizo, porén o control na billa do consumidor é competencia da Administración local.
Contías
Por todos os feitos expostos, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra determina a cuantificación provisional da sanción no importe de 21.520,26 euros por catro infraccións administrativas, tres delas tipificadas de carácter grave e outra de carácter leve.
Isto é, 6.010,13 pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, outros 6.010,13 pola falta de determinación de metais nas analíticas de control e 8.000 pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo. En canto a infracción leve, acorda a cantidade de 1.500 euros por non subministrar os datos ao Sinac.
O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para aducir alegacións.