O acto, que se desenvolverá a partir das 20.00 horas, recibiu o apoio da Confederación Intersindical Galega (CIG), que animou a toda a cidadanía a acudir “en solidariedade co pobo catalán” e tamén para esixir que o Estado “cese no seu empeño por calar a voz de quen unicamente quere expresarse en liberdade e exercer o seu dereito a decidir”.
Ademais desta concentración en Vigo, a plataforma chamou á participación en viarias cidades e vilas de Galicia para expresar a súa repulsa ao que consideran un “verdadeiro golpe de Estado á democracia”.
“O Estado porfía en aplicar a represión, impón sancións económicas e administrativas e encarcera persoas por motivos políticos, por defenderen o dereito do pobo catalán a se expresar sobre o seu propio futuro. Isto, que xa viña constituíndo un estado de excepción establecido pola vía dos feitos, adquire agora maior dimensión, formalizando o goberno español a aplicación do artigo 155 da constitución, destituíndo o lexítimo goberno catalán (para substituílo por un goberno a medida de Madrid), e intervindo o Parlament. Perpetrando así un verdadeiro golpe de estado á vontade do pobo catalán exercida nas urnas”, critica a CIG.
Todo isto, segundo sinalan, agravado pola “represión” e o “golpe antidemocrático” derivados do acordo de este venres no Senado”. Desde a CIG, integrada na plataforma Galiza con Catalunya, esixen que se respecte o dereito á libre autodeterminación dos pobos e dan o seu respaldo á convocatoria de concentracións en “solidariedade co pobo de Catalunya”