As centrais sindicais con representación na Mesa Sectorial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), entre as cales se atopa a CIG-Saúde e Satse, concéntranse este xoves nos hospitais Álvaro Cunqueiro (ás 11 horas) e no Meixoeiro (ás 14 horas) para esixir unha nova convocatoria dese organismo na que se poña fin ás “nefastas” prácticas de contratación. Segundo denuncian, o organismo autonómico “ten interese en manter a precariedade laboral e afondar na vulneración de dereitos do persoal”, e para isto válese de mecanismos irregulares para a cobertura das vacantes con eventuais.
Para rematar con iso, reivindican que estas prazas “emerxan” e se “oferten por rigorosa orde de puntuación nas listas de contratación” para, con posterioridade, seren ofertadas nun concurso de traslados e nunha Oferta Pública de Emprego (OPE), seguindo os principios de “igualdade, mérito e capacidade”.
Finalmente, remarcan que os traballadores “acceden a listaxes de contratación polo seu esforzo e méritos”, tendo que superar “máis dun proceso de OPE, anos de experiencia laboral con contratos precarios, e formación continuada”, o que “engade valor ao traballo que desenvolven”. Ese sistema regrado, indican, “non se pode subtituír por un sistema de contratacións en fraude de lei, nin estas prazas se poden cubrir a base de sentenzas xudiciais”.