Como preludio a ese acto cidadán convocado por Foanpas, a Confederación Intersindical Galega (CIG) organizou unha concentración pola mañá ante os responsables provinciais para manifestarlle a súa oposición ao reparto de zonas. Unha oposición apoiada por preto de 20 colectivos educativos, veciñais, sindicais e políticos.
Nunha fronte común, solicitan a súa paralización ao entender que tería “graves consecuencias” para o ensino público vigués. Segundo denuncian, a proposta non garante a libre elección de centro e non aborda os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade.
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, considera que o deseño elaborado pola inspección educativa “raia no arbitrario” porque “non inclúe análise da situación actual, exposición de motivos, criterios aplicados ou razóns que sustentan as decisións tomadas”.
Ademais, opinan que as delimitacións zonais propostas non só non garanten a liberdade de elección de centro en igualdade de condicións, senón que non abordan os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade. “Nesta cuestión xulgamos que fica en evidencia unha vez máis a aposta do Partido Popular por enfraquecer os servizos públicos para por activa e por pasiva acabar por reforzar a súa privatización”, sinala Gonçalves.
Segundo indica, estes temores confírmanse ao comprobar o trato desigual que se lle brinda aos centros públicos de secundaria na asignación de prazas, favorecendo de maneira clara os centros privados. “É gravísimo que o alumnado da pública se vexa privado nalgúns casos do dereito a cursar estudos secundarios en centros próximos aos seus domicilios, non así no caso dos centros privados-concertados”, denuncia.