Segundo Caballero, coa sinatura deste convenio «dámoslle contido institucional ao Casco Vello, algo moi importante para a súa rexeneración e recuperación» referíndose ao cambio que está experimentando, sendo agora unha «zona de paseo de familiares».
Así mesmo, co traslado da sede institucional ao edificio da rúa Chao, a Deputación quere reforzar a súa presenza en Vigo achegándose á cidadanía e asumindo o compromiso de transformar a nova sede nun espazo social participativo. Deste xeito, Concello e Deputación acordaron realizar «conxuntamente unha exposición fotográfica anual permanente da vida na cidade, de tal modo que unha parte do edificio será espazo de fotografía».
Orzamento Municipal 2020
O rexedor informou tamén da publicación este luns no Boletín Oficial da provincia da aprobación inicial do presuposto do Concello para o ano 2020. A previsión do goberno municipal é que se aprobe definitivamente na sesión plenaria do día 23 de decembro.
Para Abel Caballero este é o orzamento «máis importante da historia da cidade con 267,7 millóns de euros», o que supón unha suba do 4,11% respecto ao de 2019; son 10,5 millóns máis. Lembrou tamén o alcalde que o Concello ten débeda cero, mantén a presión máis baixa de tódalas cidades de Galicia, un 20% do orzamento ten dedicación social, 43 millóns de euros son para investimentos e contempla 17 millóns en exencións fiscais para a cidadanía.