Unha vez formalizada a cesión, Turismo de Galicia encargarase da rehabilitación e posterior mantemento do albergue que, segundo as estimacións iniciais, podería contar cunha capacidade de 90 prazas e unha inversión de preto dun millón de euros.
O inmoble conta cunha superficie de parcela de 258 metros cadrados. En realidade, trátase de dúas edificacións, con cadanseus frontes, conectadas pola planta baixa e o primeiro andar, polo que no proxecto do albergue trataranse en conxunto.
Segundo o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello a rehabilitación de ambos edificios contempla o aumento nun andar que o proxecto do futuro albergue recolle no edificio de Ribeira do Berbés 5, non así na edificación traseira de Peñasco 9, que se mantén en altura na procura de manter a máxima coherencia coas edificacións da contorna.
Os edificios obxecto do proxecto de rehabilitación e ampliación contan con protección ambiental e, en consecuencia, deben manterse as fachadas orixinais. A ampliación da segunda planta realizarase mediante muros de pedra, mantendo a coherencia estética do edificio.
Ano do Camiño Portugués da Costa
O novo albergue de Vigo forma parte dos compromisos da Xunta a través do Plan director do Camiño de Santiago, que en 2018 concentra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. Amais desta infraestrutura, lévase a cabo a sinalización, mellora e acondicionamento de ambos itinerarios, o que contribuirá á súa preservación e impulso e mellorará a experiencia dos peregrinos.
Así mesmo, estase a potenciar a promoción, divulgación e dinamización destas rutas xacobeas, con exposicións como De mar a mar, que estas semanas dá a coñecer ambos itinerarios na cidade portuguesa de Coímbra despois de pasar por Pontevedra ou Padrón, ou programas de artes escénicas como Vive o Camiño, que este mes ten previstos concertos e representacións en Nigrán (8 de agosto), Baiona (9 de agosto), Mos (10 de agosto), Valga (18 de agosto), Vigo (20 de agosto), Redondela (21 de agosto), Soutomaior (22 de agosto), Vilaboa (23 de agosto), Pontevedra (27 de agosto), Barro (28 de agosto), Caldas de Reis (29 de agosto) e Tui (30 de agosto). As estas citas sumaranse sete máis en setembro.