O alcalde respondeu así ás declaracións do director xeral de Augas de Galicia, entidade dependente da Xunta, descartando a execución do transvase de emerxencia entre os ríos Verdugo e Oitavén e apostando polo transvase do Miño como solución definitiva.
Caballero non desbota ningunha opción a longo prazo e avoga pola constitución dunha comisión técnica que analice as alternativas e decida. O rexedor decántase por construíu un segundo encoro xunto ao actual de Eiras, pola calidade da auga e por ter un menor custo de bombeo que o transvase desde o río Miño.
Cunha nova presa, e dada a alta pluviosidade da conca, «en seis días» encheríanse as dúas en xornadas de chuvia razoable, expuxo o rexedor, almacenando auga para un ano e dous meses. Sobre a opción do Miño, Caballero pide a Augas de Galicia que indique quen pagaría o custo «moi elevado» dos bombeos de auga, que ademais se captaría logo de pasar polas depuradoras dos distintos municipios que verten ao río.
En calquera caso, o transvase de emerxencia é «vital» para Vigo e sería «temporal» mentres non estea dispoñible a solución definitiva que se adopte; logo sería desmontado. O alcalde insistiu en que nada garante que teñamos auga se chega un outono seco e correspóndelle á Xunta de Galicia o abastecemento de auga aos concellos pois é a súa «competencia e obrigación». «Feijóo», engadiu Abel Caballero, «confía todo a que chova: e se non chove?»