O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes que iniciará unha rolda de contactos con empresarios, sindicatos e entidades sociais para «facerlles coñecedores de que Vigo se queda de novo sen AVE», tras constatar a «total falta de interese» de levar adiante o proxecto do novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. O rexedor amosou en rolda e prensa a súa «inmensa preocupación» e «alarma total» ao coñecer as declaracións do titular de Fomento ao respecto da conexión ferroviaria por alta velocidade entre Galicia e a Meseta. Caballero lembrou que a variante de Cerdedo leva «cinco anos coa tramitación paralizada e co informe de impacto ambiental sen concluír».
Caballero advertiu unha vez máis de que a alta velocidade ferroviaria é un proxecto «estratéxico e fundamental» para o desenvolvemento da cidade e polo tanto «irrenunciable». Ante esta situación, o rexedor trasladou a súa intención de que os contactos cos axentes sociais e económicos culminarán coa convocatoria do Consello Social da cidade na confianza de que se pronuncie de forma unánime esixindo ao Goberno de España que acelere a declaración de impacto ambiental da variante de Cerdedo e o proxecto de AVE directo entre Vigo, Ourense e Madrid.