O Concello de Vigo construirá de forma simultánea os cinco tramos do novo carril bici que unirá os barrios de Teis e Samil. O alcalde, Abel Caballero, informou este luns en rolda de prensa da aprobación en Xunta de Goberno da adxudicación provisional do contrato para facer realidade «unha das máis importantes obras que fixemos nunca» a través dunha única humanización.
A construción do carril bici, cunha lonxitude de 10 quilómetros, ten un prazo de execución de 12 meses e un importe de licitación de 5,89 millóns de euros. Segundo explicou o rexedor, arrancará na marxe esquerda da Avenida de Europa (en sentido centro) e discorre pola Avenida de Castelao ata a Praza de América, onde cruza a Camelias e Praza da Independencia. Desde alí chega á glorieta do Bicentenario, Venezuela, Pizarro e Travesía de Vigo para finalizar na parte baixa da rúa Bos Aires.
«Divídese en cinco tramos que se levará a cabo de forma simultánea, nalgunhas partes do percorrido inclúe a humanización da beirarrúa, como por exemplo a zona próxima á Praza da América ou Venezuela», sinalou Caballero antes de aclarar que unha parte desta última rúa xa queda antes arranxada polo novo parque infantil.
O alcalde engadiu que esta obra é parte «da revolución urbana» que está vivindo Vigo e significa «recuperar zonas enteiras da cidade». Puxo tamén como exemplo toda a beirarrúa esquerda da Avenida de Europa que actualmente está sen humanizar.
Baixo estas liñas o trazado do carril cruzando toda a cidade:
Rúa Colombia
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou as obras de contratación da primeira fase de humanización da rúa Colombia, cun orzamento de licitación de 483.000 euros e un prazo de execución de seis meses. «O proxecto inclúe a renovación dunha rede de abastecemento que está en moi mal estado, é unha rúa moi deteriorada a que ningún goberno fíxolle caso no último século ata que chegamos nos», indicou o alcalde.
Por último, tamén foi aprobado en Xunta de Goberno a contratación do servizo de limpeza e mantemento da Escola Municipal de Artes e Oficios cun importe de 680.000 euros. O contrato adxudícase por catro anos, cunha prórroga de outros dous.