«Non ten ningunha relevancia nin presenta ningunha dificultade para a apertura da Universidade no Mar de Vigo, «asegurou este martes Abel Caballero. O alcalde de Vigo informou de que os servizos xurídicos do Concello estudan o informe da Avogacía do Estado sobre a concesión portuaria ao Mar de Vigo, unhas «precisións» ao uso educativo que «se van resolver» e non presentan «ningunha relevancia» nin «ningunha dificultade» para a apertura da sede viguesa da UNED no Mar de Vigo.
A propia Avogacía do Estado estipula no seu informe como se tería que resolver, segundo recordou Abel Caballero, quen garantiu que haberá acordo «se é preciso cambiar a situación», xa que «pode ser que nin sequera sexa preciso».
O goberno de Vigo está actualmente a acometer obras de adaptación no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo para acoller a sede viguesa da UNED e unha gran sala de lectura con preto de cincocentos postos, a que será a máis grande de Vigo, aberta a toda a cidadanía.
O acondicionamento destes espazos corre a cargo do Concello de Vigo e está sufragado pola Deputación de Pontevedra. A entidade presidida por Carmela Silva adica á mellora 466.000 euros máis outros 200.000 para a dotación de elementos, útiles e mobiliario.
O Concello de Vigo xa conseguiu para a UNED viguesa trece titulacións. Abel Caballero xa manifestou que a intención do goberno que encabeza é reclamar as carreiras restantes para ter na cidade toda a oferta educativa da Universidade Nacional de Educación a Distancia.