Co gallo desta celebración, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou que a implantación destas unidades supuxo achegar os recursos sanitarios máis avanzados aos doentes. Isto permitiu modificar a asistencia e prognóstico de enfermidades como a morte súbita de orixe cardíaco ou a síndrome coronaria aguda, que na actualidade presentan resultados comparables aos sistemas sanitarios máis avanzados do mundo. Este feito é especialmente destacable, observou, se se ten en conta a complexidade da asistencia en Galicia, derivada da súa orografía e da súa dispersión xeográfica.
Neste sentido, as unidades de soporte vital avanzado están á disposición de todos os galegos para calquera patoloxía que precise unha asistencia inmediata e eficiente, destacou o conselleiro. De feito, desde a súa implantación, o número de pacientes atendidos aumentou nun 56% entre os anos 1997 e 2016. Así, o número de persoas atendidas pasou de 13.457 no ano 1997 a 18.140 ao longo de 2016.
Do mesmo xeito, obsérvase un aumento no número de mobilizacións, xa que das 13.709 realizadas no ano 1997 pasouse a 19.039 en 2016, o que supón un incremento do 39%.
Respecto das patoloxías atendidas por estes recursos asistenciais, o pasado ano as máis habituais foron as alteracións da consciencia, co 29%; seguidas pola dor torácica, co 19%; os problemas respiratorios, co 9%; as convulsións, co 7%; e os accidentes de tráfico, cun 4% das asistencias.
Evolución do servizo
O 1 de xullo de 1997 a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incorporou á súa rede de transporte sanitario urxente oito ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado con base nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Sanxenxo (esta última só durante a época estival). En 2005 foron incorporadas dúas unidades máis nas cidades da Coruña e Mos, ás que se sumou no ano 2010 a situada en Foz.
A día de hoxe, a rede de transporte sanitario urxente xestionada polo 061 está integrada por dous helicópteros sanitarios, once ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e 106 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, que garanten a prestación da asistencia sanitaria urxente na comunidade.
Segundo lembrou o conselleiro de Sanidade, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na comunidade galega as 24 horas, os 365 días do ano, é un dos servizos de asistencia sanitaria mellor valorados polos cidadáns.