Os menores de seis terán máis de medio centenar de xogos, incluíndo un carrusel xiratorio e un circuíto ‘Montaña máxica’, ambos accesibles para usuarios en cadeiras de rodas.
Para os maiores de seis, prevese outro parque inclusivo cunha ‘megapirámide’ dobre de cordas de 13 metros e capacidade para 125 nenos, un gran xogo temático de circuíto, un xogo múltiple en forma de locomotora, un carrusel e unha tirolina dobre.
A pista polideportiva, pola súa banda, suma 1.100 metros cadrados de superficie e permitirá a práctica do fútbol sala, do baloncesto e do balonmán. Presentará ademais un recibidor anexo ao recinto con futbolíns, tenis de mesa ou aparcabicicletas, entre outros.
Por último, o Concello prevé habilitar unha área de descanso -emprazada entre a zona infantil e a pista polideportiva- con bancos e mesas, espazos para xogos como o xadrez ou o parchís, fontes ou cargadores de móbiles.
Coutadas
Xunto a este proxecto, aprobouse a humanización dunha nova fase da rúa Coutadas. O orzamento supera os 400.000 euros e suporá, ademais da remodelación do vial, resolver os problemas de manobrabilidade actuais para os autobuses escolares dos IES Rosais II e República Oriental de Uruguai.
Segundo o Concello, ao tratarse dos accesos aos nomeados institutos, a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade aos centros é competencia da Xunta de Galicia, mais, ao non facelo, será o consistorio vigués quen se encargue, para o que requiriu a cesión de 550 metros cadrados de terreo.
Candeán
Por último, o Concello deu o visto e prace ao proxecto de renovación de céspede artificial e instalacións no campo de fútbol de Candeán, como parte do convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra.
O investimento roza os 360.000 euros e significará un novo terreo de xogo, novo sistema de alumeado e instalación dunha caldeira de biomasa.