“É un día histórico, non ten volta atrás”, destacaron tanto o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Rueda fixo fincapé en que é un acordo que beneficia a todos e que explicou que o acordo foi ratificado por escrito ao termo da propia reunión polos 14 representantes dos concellos que integran a área metropolitana.
Dito acordo establece que, unha vez presentado o texto que recolle a modificación da lei actual iniciarase a súa tramitación, condicionada a aprobación por parte dos plenos municipais e a que o Concello de Vigo se incorpore ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, “sen que esta incorporación signifique ningún incremento na aportación prevista no mesmo, para a Xunta de Galicia ou para os outros concellos, nin limitación algunha ao número de persoas usuarias”.
Ademais, haberá un comité de coordinación técnico no que estará representada a Xunta, e será a Xunta de Goberno Metropolitana quen posteriormente aprobe as propostas deste comité, ou mesmo a Asemblea Metropolitana no caso de propostas de maior calado, como o caso dun novo plan de transporte metropolitano.
Texto definitivo
Rueda explicou que agora a Xunta encargarse de redactar o texto definitivo e a próxima semana enviarallo aos concellos para a súa ratificación en pleno. Posteriormente a Xunta comezará a súa tramitación para aprobalo en Consello da Xunta, condicionado a que o Concello de Vigo teña entrado no plan de transporte metropolitano. Posteriormente, xa coa área en funcionamento, serán os propios concellos os que elaboren un novo plan metropolitano de transporte.
Os concellos tamén acordaron hoxe a cuestión da gobernanza e a presenza da Deputación, outros dos asuntos que aínda estaban sen pechar. Finalmente, consultado polos prazos desta tramitación, o vicepresidente e conselleiro de Presidencia avanzou que o obxectivo é ter o proxecto de lei aprobado en maio polo Consello da Xunta para a súa remisión ao Parlamento galego.