O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, compareceron este luns en rolda de prensa para informar deste asunto e dos trámites que faltan para continuar coa tramitación da modificación da Lei da Área Metropolitana de Vigo.
Lembraron ambos representantes da Administración autonómica que, tras a aprobación da modificación do texto polos 14 concellos –o último foi Salceda de Caselas o pasado venres- despois do acordo pactado na reunión do 22 de febreiro, o segundo requisito rubricado pasaba pola incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano. “É polo que estamos a esperar”, sinalou López-Chaves, matizando que “soamente falta Caballero” para que se poida continuar coa tramitación da Lei. “Que ratifique a súa incorporación”, solicitoulle o delegado da Xunta. Na mesma liña se pronunciou o director xeral de Administración Local, quen lle pediu “celeridade” para que proceda “canto antes” a súa sinatura.
Con todo, Alberto Pazos amosou a súa “satisfacción” porque “por fin” os 14 concellos ratificaron de forma efectiva a modificación do texto tras chegar a un “amplísimo consenso” no encontro do pasado 22 de febreiro. Aínda así, lembrou que “tras cumprir” ese primeiro punto da “folla de ruta” pactada, agora estase “pendente” desa segunda parte que pasa pola incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano.
Deste xeito, e tendo en conta dito compromiso asumido polos 14 alcaldes no relativo á incorporación da cidade olívica ao Transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade á vista dos últimos avances producidos na tramitación da Lei, decidiu remitir hoxe mesmo o texto do convenio co Concello de Vigo para proceder a súa aprobación polo órgano municipal correspondente.