Vázquez Mourelle salientou que a Xunta, en tan só catro días, trasladoulle o expediente ao Concello para que continúe a tramitación necesaria. Precisou que o seu departamento, cando o pasado xoves ADIF, como organismo promotor do proxecto conxunto, remitiu a solicitude de inicio da tramitación, solicitou os informes preceptivos á Dirección Xeral de Mobilidade, que se recibiron o luns e onte mesmo se lle remitiu toda a información ao Concello para que prosiga a tramitación.
A responsable de Infraestruturas reiterou que a Xunta espera que «o Concello de Vigo realice con celeridade os trámites que lle corresponden, por unha banda, someter a información pública a documentación e emitir un informe preceptivo e vinculante sobre o proxecto; e por outra, iniciar o trámite expropiatorio dos 300 m2 necesarios».
A conselleira indicou que o Goberno galego, para axudar ao Concello nesas tarefas, ofreceulle este mesmo mércores a posibilidade de celebrar unha reunión técnica entre Xunta, Concello e ADIF para abordar o proxecto co maior diálogo posible.
Ethel Vázquez reiterou que cando o obxectivo sexa ofrecer máis e mellores servizos públicos aos cidadáns, a Xunta estará sempre presente nese diálogo. Neste sentido, precisou que «a intermodalidade é o transporte do futuro e este é o tren que non poden perder os vigueses».
Vázquez lembrou que ao longo do último ano acadouse a Lei 3/2016 para o desenvolvemento urbanístico de proxectos de especial interese público; e celebrouse unha reunión entre Xunta, Concello e Ministerio de Fomento na que se acordou a tramitación da intermodal por esta lei. Engadiu que tamén se acadou o proxecto básico para a terminal de autobuses e o proxecto básico para o centro Vialia, así como o documento integrador de ambas estacións e iniciouse a tramitación ao abeiro da lei.