O Executivo autonómico anunciou que analizará, cando as coñeza, todas as alegacións que se presenten ao proxecto, que “o propio Concello de Vigo decidiu someter a información pública por consideralo axeitado e tras incorporar o Goberno galego ao mesmo todos os requirimentos trasladados desde a administración local en máis de dous anos de traballo coordinado”.
A modificación do Plan parcial de San Paio de Navia foi aprobado inicialmente polo consistorio vigués o 25 de xaneiro de 2018. Posteriormente, o 7 de marzo iniciou o seu proceso de información pública, que se prolongará ata o próximo 7 de maio. Segundo mantén a Xunta, ata este momento o rexedor mostrou toda a conformidade coa citada modificación do Plan.
“Sorprende enormemente agora a pretendida rectificación do Concello, que en ningún momento trasladou á Xunta cuestión algunha en relación cos aspectos criticados polo alcalde”, asegura a Consellería de Vivenda nun comunicado tras escoitar que Abel Caballero mostraba a súa oposición á eliminación de zonas verdes
Segundo defende o departamento autonómico, o Plan en tramitación rebaixa a liña de edificación con respecto á primeira fase e cumpre sobradamente cos estándares de equipamentos e zonas verdes. Con el búscase facilitar o desenvolvemento dun espazo urbano de calidade, mediante unha zona de residencial de baixa densidade con edificacións colectivas de poucas alturas e moitas vivendas unifamiliares, facilitando a integración coas zonas limítrofes ao ámbito que teñen carácter semirrural.
Ademais, sostén o Goberno galego que o proxecto de ampliación de San Paio de Navia cumpre sobradamente todos os estándares de equipamentos e zonas verdes, con facilidade de conexión co resto da cidade.
“Dous anos e medio despois da anulación xudicial do PXOM, e sen iniciarse aínda a redacción dun novo planeamento, o alcalde de Vigo ameaza con taponar a única saída que se lle presenta ao crecemento e ao desenvolvemento urbanístico da cidade”, critican desde a Xunta.
O Goberno galego investiu xa 10 millóns de euros na adquisición do solo residencial necesario para a ampliación de San Paio de Navia e convocou o pasado venres a permuta de solo por edificabilidade. En total, o proxecto de Navia prevé unha achega de 50 millóns de euros da administración autonómica e un investimento inducido de 250 millóns de euros.
Artigos relacionados: El barrio de Navia no perderá sus zonas verdes… ni su rinoseto