Ethel Vázquez afirmou que o texto, xa remitido ao rexedor Abel Caballero, senta as «bases de colaboración entre as dúas administracións -Xunta e Concello de Vigo- para mellorar a conectividade do aeroporto de Peinador, mediante o establecemento dunha nova conexión entre a terminal e os principais modos de comunicación da cidade».
«Cómpre lembrar que se trata dunha liña de titularidade municipal e en consecuencia é responsabilidade do Concello de Vigo. Só as liñas de autobús aos aeroportos de Lavacolla, en Santiago, e de Alvedro, na Coruña, son de titularidade autonómica, pero a Xunta sempre manifestou a súa disposición a cooperar co Concello de Vigo para mellorar este servizo», asegurou.
A titular de Infraestruturas subliñou que dende o Executivo autonómico promocionarase este servizo de transporte público ao aeroporto de Vigo no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Neste sentido, concretou que se facilitará «máis e mellor información» aos cidadáns sobre a nova liña a Peinador e «impulsarase o establecemento dun billete directo» entre os diferentes modos de transporte que facilite o traslado desde distintas localidades de Galicia, coa adquisición dun único billete de transporte.
Obxectivos
A conselleira explicou que os «obxectivos imprescindibles» son ofrecer frecuencias e horarios axeitados; que os tempos de percorrido sexan atractivos; que os autobuses estean adaptados ás necesidades dos usuarios; e que a liña conecte entre si a estación de autobuses, marítima e as dúas de ferrocarril.
A Xunta proponlle ao Concello que incremente a oferta de transporte público ao aeroporto, implantando unha nova liña que garanta a intermodalidade e dea conexión aos principais centros de transporte de Vigo. «Trátase dun servizo que debe ser deseñado polo propio Concello e no que cumpra determinadas características que garantan a calidade: a amplitude de horarios para dar servizo ao maior número de voos; e a conexión intermodal, unindo Peinador cos principais nós de transporte (as estacións de ferrocarril Vigo-Urzáiz e Vigo-Guixar, a Estación Marítima e a Estación de Autobuses), pero que tamén os conecte entre si», explica.
Dende o Goberno galego tamén destacan como obxectivo primordial que se deberán realizar un mínimo de 18 expedicións diarias con orixe e destino na terminal aeroportuaria, todos os días da semana, dando servizo á totalidade dos voos comerciais; e o servizo prestarase cun autobús adaptado ao transporte de persoas con mobilidade reducida e con dispoñibilidade de maleteiro interior, para atender as necesidades dos viaxeiros.
Abel Caballero
Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, mostrouse sorprendido porque a conselleira anunciase a nova liña nuna rolda de prensa. «Por qué no viene a contársela al alcalde, es algo inusitado. Ya lo dije, queremos lo mismo que pagan en Santiago», sinalou.