A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informou este mércors de que vén de remitir ao Concello de Vigo o informe das alegacións recibidas á modificación do plan parcial de San Paio de Navia, xunto co resto da documentación correspondente. «Con este trámite avánzase no proceso que levará ao Concello á aprobación definitiva da modificación do plan parcial polo que se rexerá a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia por parte da Xunta», sinala a Xunta nun comunicado.
A modificación do devandito plan foi aprobada inicialmente polo Concello de Vigo o 26 de xaneiro de 2018 e ten como obxectivo posibilitar a urbanización por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de 265.000 metros cadrados, o que permitirá a construción de case 1.600 vivendas protexidas.
No periodo de alegacións, tanto os veciños como o propio Concello de Vigo presentaron propostas para que a Xunta incluira tamén a construción do instituto, ademais de respetar as zonas verdes, non eliminar unha carballeira e ata case 2.000 alegacións.
«Cómpre precisar que algunhas das alegacións recibidas, entre elas a solicitude da construción dun colexio, non encaixan nin son o obxecto da modificación do plan parcial coa que se pretende planificar solo residencial nesta zona, polo que non poden regularse a través deste instrumento», sinala a Xunta este mércores nun comunicado.
Paralelamente á tramitación do plan parcial, a entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continuou traballando na adquisición do solo que será obxecto de urbanización. Concretamente, o IGVS destinou 10 millóns de euros á adquisición de 50.000 metros cadrados de terreos, co que se converteu en propietario de arredor de 130.000 metros cadrados, aproximadamente o 50 por cento do ámbito.
Por outra parte, unha vez aprobado inicialmente o plan parcial, realizouse unha oferta pública de permuta de solo por edificabilidade e unha vez aprobado definitivamente o plan e rematada a fase de permuta, procederase á expropiación dos terreos do primeiro polígono que non foran adquiridos en compravenda ou permuta.
Así mesmo, o pasado 26 de novembro licitouse o contrato para a redacción do proxecto de urbanización, que actualmente se atopa en proceso de adxudicación, por un importe de 263.780 euros.
Para a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia, o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten reservada nos orzamentos de 2019 unha partida de 6 millóns de euros que permitirán culminar a adquisición de solo e avanzar na súa urbanización.