A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves; a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas; e representantes de ADIF analizaron este mércores in situ os primeiros traballos para a redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses da futura intermodal de Vigo.
Vázquez explicou que estes traballos comezan polo levantamento topográfico da parcela que acollerá esta terminal. Concretou que só o contrato deste proxecto supón un investimento de 350.000 euros e 9 meses de traballo, polo que se disporá do documento dentro deste mesmo ano.
A responsable de Infraestruturas manifestou que a estación intermodal, na parte de autobuses contará con 21 dársenas susceptibles de ampliación e unha superficie duns 9.000 m2. Ademais compartirá servizos coa estación de ferrocarril, buscando tanto a optimización de investimentos como a comodidade dos usuarios.
Ethel Vázquez salientou que coa sinatura deste contrato ponse de manifesto a vontande da Xunta para que Vigo sexa a primeira cidade de Galicia que conte cunha estación intermodal. A conselleira reitera que a execución da intermodal levarase a cabo “contra vento e mareas” e acusa a AGE-Mareas-Podemos de «bloquear o desenvolvemento do transporte público en Vigo e de Vigo co resto de Galicia».
Vázquez explicou que o obxectivo do Goberno galego é atopar unha solución urbanística para poder desenvolver este proxecto na súa integridade, unha cuestión en plena sintonía co Concello de Vigo.