A nova sede territorial do programa, sita no primeiro andar das dependencias da rúa Concepción Areal, dará cobertura aos catorce municipios que integran a área territorial facilitando o acceso aos veciños nunha contorna máis próxima ao seu domicilio. «A Consellería de Política avanza así no marco dos compromisos recollidos na Axenda Social acordada pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia)», apunta a Xunta nun comunicado de prensa.
Seis novos puntos de xestión cos que a Administración autonómica «garante a dispoñibilidade dun dispositivo de atención ás familias en risco de desafiuzamento en cada unha das grandes cidades de Galicia, e que leva aparellado a contratación no seu conxunto de 16 novos profesionais». Destes, dous integran o equipo de Vigo, cunha traballadora especializada en Traballo Social e outra en Dereito, e encargaranse de asesorar e informar aos usuarios.
Con elas tivo ocasión de falar o delegado territorial da Xunta en Vigo, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, e a secretaria territorial, Yolanda Lesmes. Ignacio López-Chaves salientou o beneficio que supón poder contar cunha oficina na área territorial que facilite non só unha información profesional e gratuíta, senón que fai máis próxima a Administración aos cidadáns, especialmente a aqueles que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.
A Xunta lembra outras melloras introducidas no programa Reconduce, a partir de agora tamén serán obxecto de intervención as persoas e familias en risco de desafiuzamento por falta de pagamento da renda do aluguer habitual. Ata o momento o programa atendía unicamente aqueles casos de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria.
Casos atendidos
Tras catro anos de desenvolvemento do Reconduce, este servizo atendeu a preto de 500 familias e superou os 200 expedientes de intermediación bancaria tramitados, dos cales a maioría concluíron cun acordo de reestruturación de débedas favorable para as persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
«En todo caso, o programa Reconduce no é unha actuación illada, posto que a Xunta ten en macha distintas iniciativas como o programa Realoxo, o bono de alugueiro social, o programa Aluga ou o programa de vivendas baleiras, entre outros», explican dende a Xunta. Asemade, a Administración autonómica ten asinados convenios de colaboración con entidades financeiras para que estas non desaloxen vivendas sometidas a execución hipotecaria permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer social, así como para a cesión de vivendas baleiras da súa propiedade para aluguer social.