Segundo explicou o representante autonómico, a apertura de dilixencias informativas vén motivada pola recepción no departamento dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de denuncias por parte da veciñanza que se opoñe ao proxecto deseñado polo consistorio vigués.
López-Chaves indicou que os denunciantes reclaman nos seus escritos, dirixidos tanto a Xunta coma ao Concello, suspender a execución do proxecto das obras entre a rúa Lepanto e Nicaragua. Neles xustifican, apuntou, que a actuación anunciada polo Concello non dispón da preceptiva autorización de Patrimonio Cultural e instan a que se desautorice a intervención municipal.
Unha vez notificada a apertura deste proceso, a administración local terá dez días hábiles para formular as alegacións que estime oportunas en defensa dos seus intereses, acompañando os documentos e probas que considere oportunos.
Autorización preceptiva
O Concello de Vigo remitiu o pasado 9 de abril o expediente, que tivo entrada por rexistro na Delegación Territorial de Pontevedra dous días máis tarde. O representante autonómico chamou así a atención sobre o feito de que o alcalde afirmara o día 13 que a mellora non precisaba dun informe preceptivo cando a Concellería de Fomento xa entón o remitira.
No que respecta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, insistiu na necesidade de completar a autorización do proxecto de rehabilitación e transformación da Gran Vía, por atoparse o ámbito de actuación nun entorno de protección de bens catalogados e cuxa existencia, sinalou, “recoñece o propio proxecto”. “Identifícanse edificacións lindeiras co ámbito incorporadas ao catálogo de bens culturais”, citou textualmente do proxecto municipal.
O delegado territorial incidiu así en que é a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (5/2016 do 4 de maio) a que esixe o informe da autoridade competente e, polo tanto, “desde a Xunta limitámonos a cumprir a normativa vixente”.
López-Chaves afirmou que o envío da documentación por parte de Consistorio vigués supón, por unha banda, que si é necesario o informe de Patrimonio; e, por outra, que o Concello así o pediu “pese a que o alcalde dixera publicamente o contrario”.