Destes máis de 600 estudantes, 87 optaron por solicitar unha estadía anual nalgún dos tres campus da Universidade, 262 fixérono no primeiro cuadrimestre e 275 comezan estes días o segundo cuadrimestre.
Italia continúa a ser o principal país de procedencia destes novos alumnos e alumnas, de alí proveñen 106 mozos e mozas. Por detrás están Alemaña con 73 e, grazas a un acordo bilateral, México con 66. Seguiríanlle países como Francia (56), Polonia ou Portugal (37). Por programas, a convocatoria Erasmus segue a ser maioritaria e agrupa a 434 alumnos e alumnas (406 Erasmus+ e 28 Erasmus+ Prácticas). O resto, 149, fixérono a través de convenios bilaterais da institución académica con outros países ou a través doutro tipo de programas como ISEP ou as bolsas da Fundación Carolina.
Con respecto aos campus de destino a opción maioritaria segue a ser Vigo, acollendo esta cidade a 483 estudantes (73 de curso completo, 196 no primeiro cuadrimestre e 214 no segundo), preto do 80% do total de alumnado internacional deste curso. Pontevedra é o segundo campus en recepción de alumnado internacional, con 92 (11 todo o ano, 45 no 1º cuadrimestre e 36 no 2º). Finalmente, elixiron Ourense 49 estudantes (3 optaron polos dous cuadrimestres completos, 21 no primeiro e 25 no segundo).
Filoloxía e Tradución consolídase como o centro máis internacional
En Vigo a Universidade deulle hoxe a benvida aos 214 estudantes que completarán o cuadrimestre no campus. Filoloxía e Tradución foi o centro que acolleu o acto e é tamén a facultade máis internacional, que recibe un total de 185 alumnos e alumnas neste curso, preto do 40% do alumnado que elixe a cidade olívica como destino. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle 84 e a Escola de Enxeñería Industrial 66.
A nacionalidade máis numerosa en Vigo é a italiana, de onde proceden preto de 90 estudantes e Alemaña, de onde chegaron 67. Son os países máis representativos pero a listaxe é longa, tal e como se puido palpar no acto de benvida, onde se escoitaron conversas en múltiples idiomas.
Exemplo disto son un grupo de mozas que intercambiaban opinións á entrada do salón de actos do centro: Katja Xchmidberger, estudante de Economía de Alemaña; Sarah KisKunas, estudantes de Administración e Dirección de Empresas de Estados Unidos; Arjola Jako e Francesca Zeneli, alumnas tamén de ADE, neste caso de Albania, e Juliette Dufour, de Dereito e Linguas Estranxeiras, de Francia.
“Eu cheguei xa no primeiro cuadrimestre pero quixen achegarme con elas ao acto”, explica Dufour. “Para min o máis difícil foi a primeira semana, agora xa estou totalmente adaptada”, recalcou.
“No meu caso elixín España porque xa levo tempo estudando o idioma e quería ter a oportunidade de practicalo. Á hora de elixir un destino concreto optei por Vigo pensando, sobre todo, nas súas praias”, explicou a súa compañeira Sarah KisKunas.
A poucos metros delas conversaban dous estudantes de Enxeñaría Industrial chegados de Hong Kong, Clarice Ho Chi Wun e Zack Hui Wai Hong. “De momento aínda non entendemos nin falamos nada de español pero, grazas ao inglés, non temos maior problema”, recalcaron. Caso contrario é o das polacas Aguiesazka Rozwaika e Marta Adamczuk, que practicamente dominan xa o español. Ambas estudan Filoloxía Ibérica no seu país, polo que tamén teñen certos coñecementos de portugués, e previamente, xa estudaran español no ensino secundario.