O reitor, Manuel Reigosa, e o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos, presentaron as novidades dunha oferta de títulos que definiron como “estable e moi completa” e á que, segundo avanzaron, teñen a intención de “incorporar novas titulacións nos tres campus, utilizando a especialización e aproveitando as sinerxías entre as xa existentes”, asegurou Reigosa.
O reitor tamén defendeu a conxelación das taxas dos graos, ao tempo que manifestou o seu desexo de achegar os prezos dos mestrados ao dos graos, porque “o máster tamén forma parte da oferta académica e aínda que moitas veces a formación que se recibe nos graos é suficiente para achegarse á profesión, non deberiamos quedar aí”.
62 títulos de grao, 63 de máster e 38 programas de doutoramento conforman a oferta de titulacións da Universidade de Vigo para o curso 2018-2019, que comezará o 3 de setembro. En relación coas titulacións de grao, ofértanse 3.702 prazas de novo ingreso (cinco menos que curso pasado), das que 2.067 corresponden ao campus de Vigo, onde se impartirán 33 graos; en Ourense o número de prazas elévase a 920 e o número de graos a impartir é de 17, mentres que en Pontevedra o número de prazas de novo ingreso é de 715 e o de graos 12.
O vicerreitor de Organización Académica e Profesorado lembrou as características máis salientables do Grao en Enxeñaría Biomédica, a gran novidade no mapa de titulacións da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. “50 prazas que se detraen da oferta académica da Escola de Enxeñería Industrial; 240 créditos ECTS e catro anos de duración, centrados na aplicación dos principios, técnicas e métodos da enxeñaría ao campo da medicina”, destacou Ramos, que lembrou, que tras un primeiro curso común, o novo grao contempla dúas intensificacións: Biotech (electrónica, tratamento da información hospitalaria, control de sinais en biomedicina) e Biomec (implantoloxía, biomecánica, biomateriais e equipamento). Prácticas no Hospital Álvaro Cunqueiro e en empresas do sector, son outras das características do novo grao.
Ramos, tamén se referiu á outra gran novidade da oferta de grao: 40 prazas nas que un mínimo do 80% dos créditos obrigatorios se impartirán en inglés. “Sentímonos con forza e fomos a única universidade do SUG que solicitamos ao abeiro do Plan de Excelencia Ultreia 2020 da Xunta que se implantase en dúas titulacións: o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (20 prazas) e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (20 prazas)”, explicou o vicerreitor. Ramos, que avanzou que algunha destas dúas titulacións aspira a chegar ao 100% impartido en inglés, lembrou que no curso 2017-2018 a Universidade de Vigo ofertou en inglés preto de 150 materias de grao e case 100 de mestrado.
Sete novos mestrados e dous programas de doutoramento interuniversitarios
As novidades da oferta académica para o vindeiro curso complétanse no ámbito do posgrao coa incorporación de sete novos mestrados e a conversión de dous programas de doutoramento xa existentes en interuniversitarios. Biodiversidade terrestre e xestión do medio natural; Xenómica e Xenética; Operacións e Enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados; Ciberseguridade; Comunicación en medios sociais e creación de contidos dixitais; Economía; Investigación e Innovación en didácticas específicas para Educación infantil e primaria, son as novas titulacións que se incorporan á relación de 63 mestrados, que suman para o curso 2018-2019 un total de 1.964 prazas, case 100 máis que no curso anterior.
No caso da oferta de programas de doutoramento (488 prazas distribuídas en 38 programas), a única novidade é a incorporación de dúas universidades a dous títulos que xa se estaban a impartir: a Universidade de Porto súmase ao Máster en Ciencias Mariñas, Tecnoloxías e Xestión e a Universidade de A Coruña ao de Protección do Patrimonio Cultural.
Novas titulacións e rebaixa das taxas de máster
Cara á apertura do novo mapa de titulacións no ano 2021, o reitor avanzou a súa intención de “incorporar novos títulos nos tres campus, utilizando a especialización que xa teñen, aínda que queda moito por facer. Queremos buscar titulacións que sexan quen de aproveitar sinerxías entre as xa existentes, que teñan boa acollida por parte da sociedade e do estudantado e ademais que axuden a potenciar os campos investigador e docente”, explicou Manuel Reigosa.
Na súa intervención ante os medios, o reitor defendeu a conxelación das taxas de grao, ao tempo que lembrou o seu desexo de que os prezos dos mestrados se acheguen aos dos graos. “Isto depende dunha normativa estatal pero tendo en conta as propostas que no seu día fixo o PSOE, eu son optimistas en canto a que poidamos facer iso. É importante trasladarlle á sociedade que o máster tamén forma parte da oferta académica e que moitas veces a formación que impartimos nos graos é suficiente para achegarse á profesión, pero non deberiamos quedar aí”, asegurou o reitor, que destacou que, mentres en Europa o estudantado cursa normalmente un máster, España está moi por baixo da media europea.
Para rematar, Reigosa animou ao alumnado a formar parte da Universidade de Vigo “porque temos unha oferta moi completa e hai moitas cousas nas que somos fortes. Somos unha universidade que xera moitísimo coñecemento e nas clasificacións que teñen que ver coa produción científica estamos entre as primeiras do país”, sinalou o reitor, que defendeu a importancia de falar en termos de Sistema Universitario de Galicia “porque é un acerto e porque en grande medida imos ter no futuro moitas titulacións compartidas, aínda que nós tamén somos fortes nalgunhas cousas e cómpre subliñalas”, dixo o reitor.