Abel Caballero informou este martes de que a ordenación provisional xa está en fase de alegacións para ser aprobada de forma definitiva este ano e permitir que 50.000 titulares catastrais poidan pedir licencia da mesma maneira que antes da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2008.
«Vai a permitir de forma case inmediata recuperar un terzo da edificabilidade do Plan de 2008», sinalou Abel Caballero antes de indicar que os propietarios recuperarán nuns meses a capacidade de edificación que tiñan co plan de 2008. «Aproximadamente o 35% da superficie edificable de Vigo», engadiu.
O Concello inicia agora, mediante o anuncio no DOG, a fase de exposición pública para que todos os interesados poidan presentar alegacións no prazo de 20 días e posteriormente responderá aos interesados para acada finalmente a aprobación definitiva.
Caballero tamén sinalou que nos vindeiros días entre 45.000 e 50.000 titulares catastrais recibirán unha carta dándolles información dos seus dereitos. Esta ordenación provisional afecta a un total de 23 millóns de metros cadrados e, sumándolle os plans especiais do Casco Vello e Bouzas, supón o 40 por cento da edificabilidade na cidade.
«Todo aquel que podía pedir unha licencia antes da anulación do Plan, tamén o poderá pedir en 2018, terán ese dereito antes de que acaba o ano», sinalou o rexedor. Ademais, indicou que desde o Concello enviouse documentación á Xunta e ao Goberno central.
«É unha grande noticia, antes de que acabe este ano estará recuperado practicamente a metade do plan de Vigo, 50.000 propietarios recuperarán a posibilidade de obter licencias e aprobamos a edificación que se vai a facer en Vigo nos vindeiros 20 anos», rematou o alcalde.