Segundo informou a CIG, a manifestación, que percorrerá as rúas de Vigo o vindeiro 3 de setembro baixo o lema ‘Contra os recortes no novo hospital… defende a área sanitaria’, partirá do hospital Xeral ás 20.00 horas. Trátase dunha nova mobilización promovida pola Xunta de Persoal do Chuvi que conta co apoio de SOS Sanidade Pública, plataforma que hoxe mantivo unha xuntanza cos grupos parlamentares de BNG, AGE e PSOE e con Podemos para que participen da protesta e se fagan eco das denuncias do colectivo.
Ao remate da reunión, voceiros da plataforma, entre eles Manuel G. Moreira, secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, e das catro organizacións políticas ofreceron unha rolda de prensa no local da federación de asociacións veciñais Eduardo Chao para amosar o seu apoio á marcha e confirmar que canalizarán no Parlamento galego as denuncias formuladas polos profesionais da sanidade pública.
Durante a comparecencia denunciaron que o resultado final do novo hospital da cidade “empeora as previsións” da plataforma xa que a recén estreada infraestrutura “non vai ser capaz de atender as necesidades” dunha área sanitaria viguesa que padece un “déficit estrutural” xa que a atención primaria “segue a ter os mesmos problemas”.
Neste senso, lembraron que a área de Vigo conta coa maior lista de espera cirúrxica do país, algo que -segundo sosteñen- non vai mudar co novo centro médico, como tampouco o fará a saturación das Urxencias. Consideran que a apertura do cuarto hospital da cidade “consolida unha oportunidade perdida” xa que o centro non vai ser punteiro “nin en investigación nin en docencia”, ademais de carecer cun laboratorio central.
Ademais, sinalan os importantes recortes ao que foi sometido incluso o proxecto presentado polo propio PP: contará unicamente con 845 camas de hospitalización, o que supón unha rebaixa de máis do 30% das previstas. Deste xeito, a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 este tipo de camas, xa que tamén se eliminan no Meixoeiro e no Nicolás Peña.
O novo hospital verá mermado nun 55% o número de camas de Urxencias, mentres que a superficie destinada a este servizo rebaixase nun 25%. “A isto hai que sumar as privatizacións de servizos que quedarán en mans de Povisa”.
Diante disto, os grupos parlamentares comprometéronse a trasladar as denuncias dos profesionais sanitarios, así como a recuperar o proxecto inicial do novo hospital e a xestión pública do mesmo no caso de que accedan ao goberno da Xunta.
Finalmente, dende a plataforma SOS Sanidade Pública adiantaron que barallan denunciar diante da UE e na Fiscalía o proceso de licitación da infraestrutura médica ao entender que se vulnerou a igualdade de concorrencia das empresas.