Durante a presentación do proxecto, Feijóo aseverou que para acadar este obxectivo a Xunta contará coa colaboración da Universidade de Vigo e dos centros de investigación tecnolóxica da comarca, dos colectivos empresariais, e, sobre todo, do Consorcio da Zona Franca, un socio “prioritario e necesario” que exercerá de nexo entre os centros formativos e o tecido produtivo.
“Estamos, polo tanto, a impulsar un proxecto que servirá como referencia para outras iniciativas de mellora da formación profesional”, afirmou, ao que engadiu que o Campus FP será o corazón e o sistema circulatorio dos 16 centros que ofrecen formación profesional na comarca de Vigo, xa que desde el se modernizará a oferta formativa e a conexión co mundo da empresa e co tecido innovador, levando as novas ideas e a mellora na xestión a todos os centros da rede.
O núcleo deste campus, cuxas obras comezarán o ano que vén co obxectivo de que estea rematado a finais de 2020, será bautizado como FP Hub, un centro de innovación e emprendemento que servirá de referencia tanto aos centros da área de Vigo como a todos os centros de Galicia que soliciten o seu asesoramento.
Dúas áreas
Este centro contará con dúas áreas: a primeira, de investigación e innovación, encargada de desenvolver proxectos de I+D+i, identificar as necesidades do mercado laboral da comarca de Vigo e tramitar as patentes que se orixinen na FP viguesa. E, a segunda área, de emprendemento, incluirá un viveiro de empresas industriais, que facilitará e acompañará o nacemento de novas iniciativas empresariais.
O edificio do FP Hub, que estará situado no recinto do CIFP Manuel Antonio e o Centro Residencial Docente, contará cunha superficie de 4.000 metros cadrados. Para alcanzar as ambiciosas metas que se marca a Xunta destinará 7,1 millóns para redactar o proxecto, financiar os equipamentos e sufragar os gastos de funcionamento e persoal. A Zona Franca achegará 5,5 millóns para construír o edificio e impulsar os proxectos que nazan no centro.