O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o Concello tivo que facer fronte a unha indemnización de 35,2 millóns, para o cal empregou o superávit municipal e os remanentes existentes.
Aneiros defendeu que se trata dunha medida puntual e que a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) sinala precisamente que o Concello volverá cumprir este ano cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto. Documentos do propio Ministerio de Facenda, lidos hoxe polo concelleiro, detallan que «a pesar de ter que elaboralo (o Plan), a orixe do incumprimento non é estrutural (…), polo que as medidas de axuste en realidade non existirían». Concluíu o concelleiro que hoxe Vigo conta cun auditorio «100% público» e que este Plan Económico Financeiro carece de «medidas nin custe adicionais» para a cidadanía.
A oposición municipal incidiu no incumprimento da estabilidade orzamentaria e do teito de gasto. No debate plenario, o voceiro de Marea, Rubén Pérez, asegurou que o goberno de Vigo no 2008 autorizou unha modificación da obra e apuntou que a indemnización ten custe para os vigueses ao ser pagada tamén coa venda de patrimonio municipal. Pérez reclamou que se descarte unha nova concesión.
Mentres, o PP abondou nos incumprimentos da liquidación de 2018 e asegurou que o goberno está «falseando as contas» ao incluír na operación a venda do edificio municipal de Areal.
O concelleiro de Facenda pechou o debate asegurando que desde 2013 o goberno de Vigo veu rexeitando todos os requirimentos da concesionaria, incluso con sentenzas xudiciais favorables a actuación municipal, ata a presentación da liquidación no pasado ano.