Os detalles da mobilización foron presentados este xoves en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, que compareceu acompañado por Raquel Pérez e Pilar Rodríguez, integrantes da Executiva. O responsábel sindical sinalou que a principal reivindicación da manifestación deste ano é reclamar a derrogación das leis antiobreiras aprobadas por PP e PSOE, tal e como sintetiza o lema escollido nesta ocasión: ‘Reformas laborais e Lei Mordaza, anulación xa!’.
Gonçalves amosouse convencido de que a protesta convocada pola central logrará congregar de novo a milleiros de persoas nas rúas da cidade “porque os traballadores/as estamos a demandar con forza un profundo cambio nas políticas da Goberno”e lembrou que as sucesivas reformas aplicadas non serviron para mudar unha situación laboral que definiu de dramática. “Intentan agochar o que sucede botando man de datos falsos, pero a realidade amosa que máis do 90% dos empregos que se crean son precarios”, denunciou.
Así, censurou que as reformas aprobadas tanto pola formación conservadora en 2012 como polo PSOE en 2010 comparten unha mesma lóxica de precarización, de recorte de dereitos e de empobrecemento da clase traballadora. “Ambas as dúas responden ao mesmo programa de saqueo que ditan a Unión Europea e a Troika para aumentar a nosa explotación”.
En canto á bisbarra, apostou pola necesidade de reverter a grave crise laboral e social que padece -“cun elevadísimo desemprego, unha crecente precariedade e un maior empobrecemento”-, para o que considera imprescindíbel unha mudanza radical nas políticas, no sentido contrario ás desenvolvidas polo PP dende a Xunta e dende o Goberno español.
“Precisamos unha aposta real pola reactivación dos nosos sectores produtivos, como o naval, a automoción, a pesca ou a construción, verdadeiros motores económicos da comarca, xa que nos atopamos con que o único emprego que se crea é estacional e ligado ao sector servizos; imos camiño do monocultivo económico e precisamos diversificación”, rematou.