As ofertas presentadas suman un total de 68.865,88 metros cadrados, que supoñen preto do 20 por cento do solo posto a disposición das empresas. En todo os casos as empresas solicitan a adxudicación en dereito de superficie, o que lles facilita o acceso ao solo empresarial ao pagar un canon anual reducido, permitíndolles acceder á propiedade do solo, si o desexan, dentro dos dez anos posteriores á adxudicación.
A adxudicación das parcelas solicitadas realizarase a través dunha poxa, na data que se determine, á que poderán acceder as empresas que presentaron as súas ofertas.
Tal e como informou este luns a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, as compañías poderán comezar a instalarse na plataforma no primeiro semestre do 2020, coincidindo co remate das obras de urbanización da primeira fase da zona loxístico-empresarial, da ETAP e da EDAR, nas que se están a investir 20,6 millóns de euros.
Corina Porro subliñou que a Plisan é o resultado do “maior esforzo por crear solo industrial” dos tres organismos promotores (Xunta, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca). “Arrancamos xa coa presentación de ofertas, o que supón a posta marcha definitiva nesta área industrial, xeradora de riqueza e emprego”, apuntou.
“Desde a súa orixe, a Plisan proxectouse como un polo estratéxico de atracción de empresas e industrias, cunha situación inmellorable que permitirá as nosas empresas e industrias mellorar a súa loxística e crecer en espazo e competitividade”, afirmou, para recordar que esta plataforma conta cunha inversión superior aos 231 millóns de euros por parte das tres entidades implicadas.
Por outra parte, anunciou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobou o proxecto técnico de urbanización da segunda fase da zona LE, o que permitirá á Zona Franca de Vigo licitar en breve a obra de urbanización da mesma, en función dos acordos adoptados entre as tres administracións que participan no desenvolvemento da Plisan, que acordaron que fose Zona Franca a encargada da licitación das obras das dúas fases da LE. Cabe recordar que as obras da primeira fase da LE están xa en execución.