Por iso, volverán saír á rúa en diferentes localidades galegas, entre elas Vigo, onde os cidadáns están citados para as 19.00 horas na Lámpada de Urzaiz. Ademais, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra tamén teñen preparadas as súas respectivas protestas.
O colectivo denuncia que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado e que as mulleres son as máis prexudicadas. De feito subliña que unha de cada dez pensionistas en Galicia cobra menos de 415,43 euros ao mes.
Por iso, alerta de que “agora temos outra vez enriba a ameaza dunha suba miserable das pensións de só o 0,25 e non co IPC”. Deste xeito, esixe a fixación por lei da pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización co IPC.
Os xubilados piden ademais a derrogación das reformas de 2011 e 2013 para que se garanta o futuro para as pensións. Xunto a iso reclama emprego estábel e digno –para o que é preciso derrogar tamén as reformas laborais- para así garantir tamén a viabilidade das pensións. Cuestións ambas para as que asegura que «só fai falta vontade política».