A esta xornada de paro poderíanlle seguir outras xornadas de folga “porque non imos abandonar a reivindicación sobre o exceso de carga de traballo dos postos produtivos e que esta sexa realizable”, en palabras de Manuel Domínguez, representante da CIG no comité.
Neste senso, criticou que a dirección de PSA asegure que existe diálogo coa representación social cando “en realidade non hai ningún diálogo construtivo porque non están resolvendo nada. Nós apostamos pola negociación, pero esta ten que levar a melloras nas condicións laborais”.
Segundo denuncia, a dirección non avanzou nada neste sentido, malia que as organizacións sindicais levan demandando medidas correctoras para rebaixar a carga de traballo e que se contrate ao persoal necesario, dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. “Os postos son irrealizables, a carga de traballo é inasumible e a xente xa non dá máis”, engadiu Domínguez, ao tempo que advertía de que este sobreesforzo está comezando a derivar en problemas de saúde para os operarios e operarias.
A loita continua, o vindeiro xoves paros parciais ¡¡Montaxe solución!!#ccoo #ccoogalicia #ccooindustria #vigo #psa #citroen #montaxesolucion @Farodevigo @Atlanticodiario @lavozdegalicia pic.twitter.com/mCH2MNwHxn
— CCOO PSA Vigo (@ccoopsavigo) 10 de mayo de 2019
Chamamento ao persoal
A representación sindical -que recibiu a visita de representantes de En Común Unidas Podemos como a deputada Yolanda Díaz e da Marea de Vigo como o seu número 3, Xaquín Pastoriza- comezou este mesmo venres a informar os traballadores e traballadoras da convocatoria nas distintas quendas e o luns falarase co conxunto do persoal para informar e concretar o desenvolvemento da folga.
Domínguez apuntaba que os problemas de sobrecarga afectan especialmente á liña 2 pero situacións similares poderíanse darse noutras liñas de montaxe. Por iso, CIG, CCOO e UGT chaman a todo o persoal da fábrica a secundar a folga do xoves 16.