Na xuntanza mantida entre as tres centrais, tamén se elaborou un calendario de asembleas en todas as empresas e decidiuse acudir ao Parlamento galego este martes para estar presentes no debate que terá lugar durante a sesión.
Representantes dos tres sindicatos reuníronse este venres para abordar a convocatoria do paro indefinido, perfilar o calendario de asembleas no sector e decidir os próximos pasos a dar ante a intransixencia da patronal á hora de pactar un novo convenio colectivo estatal que mellore unhas condicións laborais “de escravitude”.
Entre os acordos adoptados salientan, ademais da convocatoria de folga indefinida, o desprazamento até Santiago este martes para estar presentes na sesión parlamentaria na que se debaterá o conflito e a celebración de asembleas en todas as empresas do sector e en cada unha das quendas. Ademais, acordaron organizar un acto cos voceiros dos grupos parlamentares no Porto de Marín o próximo día 9 en apoio das reivindicacións do persoal do sector.
Tamén se decidiu iniciar o reparto de folletos informativos nos establecementos das grandes cadeas de distribución a partir do día 12 e intensificar a presionar sobre a Xunta de Galicia “como responsable de que empresas con importantes subvencións públicas non amosen verdadeira vontade de negociar”.