Para este venres teñen convocada unha xornada de folga de 24 horas só en Galicia, que aproveitarán para mobilizarse diante do Concello de Vigo de 11:00 a 13:30 horas para alertar de que a medida non só terá afectados directos, “senón tamén indirectos como poder ser os empregados de Bosch que están vinculados a proxectos con Vodafone”.
O cadro de persoal de Vodafone decidiu plantarlle cara á decisión da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectará a 1.200 dos 5.209 traballadores que ten no conxunto do Estado. No caso galego, a medida suporá o despedimento de 32 empregados nos dous centros de traballo que a compañía ten en Vigo e de nove nos dous que ten na Coruña.
Os paros dunha hora que se iniciaron o martes e que continuaron hoxe tiveron un elevado seguimento entre o cadro de persoal, tanto no noso país -onde foron secundados polo 75% dos traballadores- como no resto do Estado, onde pararon 1.900 empregados.
Ademais, segundo explican os delegados da CIG no comité de Vodafone, este mércores rexistrouse a convocatoria de paros de 24 horas tamén a nivel estatal entre os días 11 e 22 de febreiro, data na que rematarán as negociación do ERE.
No caso de Galicia estes paros foron solicitados todos os días laborábeis dende o 1 ao 22 de febreiro, sendo este venres 1 de febreiro a primeira das xornadas nas que se van facer efectivos, tanto en Vigo como na Coruña.