O rexedor explicou que o Concello, que leva tempo requirindo da Zona Franca a ampliación do polígono de Valadares, é promotor «indirecto» desta actuación ao instar á adopción da vía supramunicipal como fórmula para evitar as consecuencias da anulación xudicial do Plan Xeral vigués.
«É da maior importancia para Vigo», valorou Caballero, pois existe unha «enorme demanda» de solo comercial de medio e gran tamaño na cidade. «O meu desexo é que aí se instale IKEA», avanzou. “Eu avogo por este emprazamento, é o mellor”.
O alcalde demandou que se axilice a tramitación para que a ampliación do PTL sexa unha realidade o antes posible, pois son moitas as entidades comerciais que queren asentarse en Vigo e precisan do espazo para facelo.
Tráfico
Os informes do Concello dan a conformidade municipal ao desenvolvemento deste proxecto sectorial mais formulan algunhas observacións, entre as que o rexedor salientou a relativa ao tráfico no entorno.
Caballero demandou «entrar a fondo» na reordenación da circulación nun espazo que dá servizo á Universidade de Vigo, xunto ao que se instalou o novo hospital Álvaro Cunqueiro e que sumará agora áreas comerciais.
O Concello propón «mellores conexións viarias» coa ampliación do PTL e suxire alternativas, adiantou o alcalde, como habilitar unha conexión directa do polígono coa VG-20, evitando así a Avenida Clara Campoamor.