Dende a representación sindical lembran que a empresa vén de aplicar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e xa despediu a 200 persoas contratadas por ETT, consecuencia dos recortes que está a implantar Vodafone, unha das empresas para as que traballa Bosch.
“Ademais, en febreiro comezou a aplicar o ERE temporal tras un período de consultas no que a documentación entregada foi insuficiente e no que nunca tivo ningún interese en chegar a ningún tipo de acordo, xa que o único obxectivo foi o de trasladar ao conxunto das traballadores todas as consecuencias económicas das súas malas xestións”, denuncian.
Sinalan que tanto Bosch como Vodafone “forman parte do macabro xogo da globalización capitalista”. “Vodafone toma a decisión de deslocalizar a carga de traballo e Bosch trasládalles as consecuencias desa decisión aos traballadores”, apuntan.
Tamén critican que estas empresas pretendan socializar as perdas “mais non así os beneficios, que os teñen, o que supón unha agresión ao conxunto da clase traballadora que non podemos deixar sen resposta”.
Mobilizacións
Diante disto, dende o comité de empresa de Bosch, presidido pola CIG, apostan por convocar unha folga de 24 horas o vindeiro mércores día 27 á que están chamados a totalidade dos traballadores da compañía, “sexa cal sexa a campaña asignada”.
Ademais, coincidindo coa xornada de paro, desenvolverán concentracións diante dos centros de traballo da Avenida de Madrid 183 (de 11:30 a 12:30 horas) e da rúa María Berdiales 20 (de 13:15 a 14:15 horas) como as que están a levar a cabo na actualidade no marco do calendario de mobilizacións deseñado para rexeitar o ERTE e que este mesmo venres se celebraron na Avenida de Madrid e na rúa Barxa do Covelo.