Marea asegura que «vimos de anos de deslocalizacións en sectores tan estratéxicos para Vigo como o automóbil, con anuncios de eres de discutida legalidade, e posta en marcha de sistemas de precarización dos postos de traballo disfrazados en moitos casos de inclusión de persoas que doutro xeito non lles darían oco ditas empresas, sendo a realidade o máximo abaratamento do posto de traballo con grandes reducións nas cotizacións sociais».
Segundo Marea, este tipo de prácticas e o non control da subvención pública son tamén «cómplices» dos malos resultados sobre desemprego que acabanse de coñecer. Marea esixe «un compromiso de creación de emprego estable e de calidade a todas aquelas empresas que sexan receptoras de axudas públicas con cartos do Concello» e a creación dos mecanismos necesarios para ese control.
Por outra banda, tamén denuncia que nas concesións municipais «non existe control ningún por parte do Concello con respecto o cumprimento tanto dos pregos como da lexislación laboral de aplicación, tendo sido neste pasado 2016 campións dos conflitos xerados pola falla de control das concesións públicas, como pasou coa concesionaria de limpeza das dependencias municipais e colexios, na iluminación pública e no servizo de parques e xardíns. Moitas delas aínda nos tribunais contractuais e outras nos xulgados do social».
Estes controis, para ser efectivos e realistas, segundo Marea, deben contar con «tutela sindical, actualmente inexistente neste eido, pero moi presente á hora de poñer enriba da mesa o que está a acontecer en moitas empresas e servizos concesionados, sendo quen de denunciar en todo momento o que está sucedendo, e traballando activamente para poñerlle solución, sendo en moitos casos o ente idóneo para garantir un bo desenvolvemento de moitas das contratas públicas, o que fai inexplicable o motivo polo que este Goberno Municipal non conta con el, ao marxe da coherencia esperada dun goberno que se di de esquerdas».
O Grupo Municipal da Marea de Vigo advirte que «de non cambiar certas prácticas que se están dando neste Concello á hora de concesionar, desde o momento da licitación, onde se están xerando múltiples recursos nos tribunais de contratación pública, ata o propio desenvolvemento da concesión, onde se dan de índole de reclamación laboral; imos ter outro ano de paralizacións, reclamacións, e, en definitiva, mala xestión do público tendo nas mans as condicións de vida e traballo de moitas persoas traballadoras dependentes deste Concello».