A tramitación do proxecto realizarase a través da Lei de medidas en materia de proxectos de urxencia ou de excepcional interese promovidos por administracións públicas; un procedemento que xa se puxo en marcha noutros proxectos, como a modernización e consolidación do polígono de Balaídos, e que garante a celebración de eventos de especial relevancia no Ifevi.
O Padroado do Ifevi entregou á Consellería de Economía, Emprego e Industria o proxecto inicial elaborado pola Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) para a ampliación do recinto vigués, cuxo financiamento de 3,2 millóns de euros será asumido pola Xunta.
Para a súa execución é precisa tamén a participación do Concello de Vigo, tanto na tramitación do expediente como no proceso de expropiación dos terreos necesarios para levar adiante a ampliación do Ifevi. Agora, o proxecto trasládase ao Concello vigués, que o someterá a información pública durante un prazo de 20 días para, a continuación, emitir o seu informe no prazo dos 10 días seguintes.
Na actualidade, o Ifevi conta con tres pavillóns que ocupan unha superficie de 30.000 metros cadrados. A nova proposta, que se concretará definitivamente no proxecto construtivo, pretende manter a configuración dos pavillóns actuais e construír un cuarto de 5.000 metros cadrados, dando resposta ás necesidades realizadas.
Conxemar logrou este ano o seu récord de participación, con 583 expositores -un 7% máis que en 2015- procedentes de 43 países -cun incremento de preto do 20%-. Na edición anterior, a de 2015, a celebración do evento supuxo un impacto positivo de preto de 9 millóns de euros nos sectores da hospedaxe e a hostalería, ademais de aumentar nun 60% a actividade do sector do taxi en Vigo.
As obras de ampliación do recinto feiral permitirán mellorar a competitividade das empresas do sector do peixe conxelado, ás que ofrecerá novas oportunidades de negocio durante a celebración de Conxemar, con expositores de máis países e coa presenza de máis produtos novos que se están a desenvolver. Ademais, ábrense novas oportunidades para o resto de feiras de Ifevi. Na actualidade, a pesca xera máis de 33.000 empregos directos, representando Galicia máis da metade do emprego do sector en España.