Neste senso, Carmela Silva e a presidenta do Círculo, que ten sede en Vigo, abordaron a cuestión da necesidade da integración das mulleres nas empresas e na súa dirección, o que se traduce “nunha maior responsabilidade social corporativa, internacionalización, competitividade e aposta pola creación de redes empresariais tanto en Galicia como en Portugal”, explicaron.
Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación tamén saudou o novo modelo empresarial vinculado ao século XXI e as novas ideas de Patricia García, así como o seu empeño en “priorizar o modelo de interrelación das persoas no mundo das empresas e da dignidade no traballo”.
García, que tomou a posesión como presidenta do Círculo de Empresarias e Empresarios o pasado maio, é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e experta en metodoloxías ‘e-learning’, é tamén a presidenta institucional do Grupo Femxa e colabora de forma activa coa Universidade de Vigo e con AJE Galicia.