Esta mobilización fai parte da campaña que vén de poñer en marcha a Secretaría das Mulleres do sindicato para denunciar a “discriminación que padecen as mulleres nos centros de traballo” e terá lugar días antes de que se celebre o xuízo pola demanda de conflito colectivo presentado contra o acordo entre a compañía de automoción e os sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita a posibilidade de acollerse á redución de xornada, problemática que afecta especialmente ás traballadoras.
Segundo explicaron en rolda de prensa a responsable do sector da automoción da CIG-Industria de Vigo, María Xosé García, e a técnica de Igualdade da central, Ester Mariño, a protesta ten lugar no marco da campaña para visibilizar a combater a discriminación das traballadoras, optándose nesta primeira fase por poñer o acento sobre a conciliación laboral e familiar, e en particular no dereito á redución de xornada, unha cuestión que afecta maioritariamente ás mulleres, xa que arredor do 95% dos traballadores que deciden acurtar o seu tempo de traballo para o coidado de persoas dependentes (fillos, maiores, discapacitados ou enfermos) son mulleres.
O feito de terse escollido Citroën en concreto para iniciar a campaña cunha mobilización diante das súas instalacións en Vigo responde ao “acordo aberrante” asinado no seu día por unha empresa «destas dimensións» e polos sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita o goce deste dereito por parte do cadro de persoal, xa que impide que as beneficiarias poidan escoller a porcentaxe que desexan reducir, “impóndoselles ou ben a redución da metade da súa xornada ou ben do 25%”. Ademais, pasan a un sistema de rotación de quendas de duración anual con horarios establecidos pola empresa.
“Isto supón que es trasladada para a quenda de noite cunha bolsa de horas complementarias, polo que sabes a que hora estras pero non cando saes”. Ao mesmo tempo, vinculan a redución de xornada á existencia doutra persoa que complemente as horas que se reducen. Outro aspecto do acordo que “atenta contra a conciliación” ten que ver con que o persoal que escolle reducir a xornada “vese obrigado a facelo en maior medida no horario escolar”
Ademais, a CIG denuncia que na última revisión do acordo incluíron as casos de violencia de xénero establecendo unicamente a “posibilidade” de reducir a xornada, cando se trata dun dereito establecido na propia lei. “Parécenos inconcibible que haxa sindicatos que se presten a avalar este tipo de acordos”, lamentaron.
Por todo isto, o sindicato optou por presentar unha demanda de conflito colectivo contra a empresa e os sindicatos “colaboradores necesarios” ao entender que con este tipo de acordos as compañías limitan o dereito á redución de xornada. O xuízo derivado desta denuncia dirimirase no xuízo que se celebrará este luns 16 nos Xulgados de Vigo a partir das 12:00 horas.