O persoal de ambulancias continúa en loita para que se escoiten as súas demandas, despois de seis xornadas de folga, un peche no despacho do Conselleiro de Sanidade no mes de xullo ou mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias que culminaron con esta concorrida marcha na cidade olívica.
Porén, “este non é o final o de nada”, segundo indicou o responsábel do transporte na FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, que advirte que as mobilizacións continuarán ata que a patronal se sente a negociar “un convenio con dereitos” e se cumpra o establecido nos contratos do Sergas, sen descartar novas convocatorias de folga.
Responsabilizan á Xunta de facilitar a precarización do sector ao outorgar concesións “ata nun 12% á baixa” a empresas que, como Ambuibérica, pretenden laminar os salarios até nun 25%, aumentar carga de traballo ou reducir días libres. Alertou, ademais, de que as empresas rebaixan os estándares de seguridade, sobre todo no relativo á prevención dos riscos biolóxicos mentres “a Xunta mira para outro lado”.
Todo isto cando nos dos últimos anos, segundo denunciou, se incrementou a carga de traballo “nun 20% co mesmo persoal” ou se estenderon os contratos en prácticas remunerados unicamente co 60% do salario en convenio.
O sindicalista afirmou, ademais, que “non é casualidade” que leven tres anos sen convenio, senón que ten que ver “coas políticas de recortes, a reforma laboral ou a da negociación colectiva, que sitúan a patronal “nunha posición de forza”.
Degradación do servizo de emerxencias
Con todo, o caso da degradación do servizo de ambulancias non é único no ámbito das urxencias e emerxencias a cargo da Xunta. Nestes momentos hai abertas diversas frontes, como a dos PAC (Puntos de Atención Continuada), onde deron inicio a 12 xornadas de folga; na central de chamadas do 061, en folga indefinida desde agosto, sen esquecer o conflito vivido no 112.
Por último, destacou que son a “profesionalidade e a ética” dos traballadores/as das emerxencias sanitarias as que están a garantir unha boa atención a usuarios fronte aos recortes da Xunta e unha patronal para a que “transportar doentes é o mesmo que transportar paquetes ou porcos”.