O rexedor deu conta da recepción desta misiva na que “reafirma unha vez máis, o firme compromiso co Corredor Atlántico”, denunciando a “torticeira información vertida por unha intervención dun cargo menor de ADIF que fala dun corredor ferroviario concreto”, que non é o que discorre por Vigo.
Segundo expuxo Caballero, Isabel Pardo de Vera asegura que ADIF está “impulsando como nunca se fixo o sistema ferroviario na súa visión multimodal máis integral” e fala directamente do Plan Director Corredor Atlántico que é o oficial dos corredores ferroviarios de mercancías de España. Nese Plan figura a conexión dos Portos de Ferrol, A Coruña e Vigo, directamente a través de Ourense e Monforte de Lemos coa rede europea, en rede básica electrificada e, polo tanto, é unha cuestión atendida en detalle desde ADIF.
Pardo de Vera resalta na misiva a importancia que para ADIF ten a conexión de Vigo e o seu porto co Corredor Atlántico, “un gran porto de mercancía e fundamental no Corredor ferroviario”, en palabras do alcalde, e a ampliación do corredor que xa foi aprobada por Europa, xa forma parte dos plans de ADIF, “este é o corredor básico no que está traballando e así o garante por escrito”.
Segundo Abel Caballero, ese corredor básico contempla o percorrido A Coruña-Vigo-Ourense-León e Xixón-León-Valladolid pero ademais inclúe a conexión na rede global de Vigo con Porto, algo “excepcionalmente importante para Vigo, que está na rede básica, que é a importante, aprobada provisionalmente por Europa e que será ratificada en 2020 e estamos na rede global, que é a segunda rede, na conexión con Oporto”.