“Trátase da maior inversión nun edificio xudicial en toda Galicia, de acordo coa idea de que a Xunta é a administración que máis inviste na cidade”, indicou o delegado territorial nunha comparecencia posterior ante os medios de comunicación, e na que insistiu na necesidade de revitalizar unha zona que leva anos sen transformarse, extremo este último no que tamén incidiron os representantes dos comerciantes da contorna do antigo hospital.
López-Chaves acentuou as reclamacións que na reunión fixeron os comerciantes e solicitou ao Concello a súa implicación na revitalización da zona, con actuacións e inversións que completen a realizada pola Xunta de Galicia na Cidade da Xustiza de 25 millóns de euros.
O delegado territorial recordou, tal e como o fixera o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa última visita a Vigo, que o Goberno galego contará nas vindeiras semanas co proxecto de execución da segunda fase da obra da Cidade da Xustiza, polo que dará comezo de inmediato coa licitación dos traballos.
Cómpre lembrar que foi no mes de agosto cando se solicitou ante o Concello de Vigo a licenza para a fase II da obra, coa finalidade de lograr unha axilización máxima e seguir cumprindo os prazos, tal e como se ven facendo ata o de agora. Precisamente por este motivo o proxecto dividiuse en dúas fases, a fase de execución, coa parte de demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que están xa sendo retiradas e unha segunda fase de obra de rehabilitación cun prazo de execución de 24 meses.
Dende a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e situando no inmoble 35 unidades xudiciais, con espazo libre para futuras ampliacións.