Porro asegurou que a Xunta avoga pola continuidade da empresa e que apoiará “calquera oferta seria e viable que se presente” co obxectivo de “manter a actividade industrial nesas instalacións”. “Seguiremos axudando en todo o que sexa necesario para que o procedemento se desenvolva con normalidade, polo que é preciso deixar traballar ás partes desde a prudencia e a seriedade que se merece esta situación”, aseverou.
Con todo, dende os sindicatos critican o papel que están a xogar tanto o Goberno galego como o estatal na grave crise que atravesa a compañía. “O de sempre, boas palabras que ao final non se traducen en nada porque nunca houbo un compromiso real co sector, como demostra que non convocasen a mesa do naval”, declarou o responsable do naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez.
Rodríguez incidiu en que a industria naval viguesa atópase “nun momento crítico” a expensas do que suceda tamén con Barreras, “porque se cae igual que Vulcano o sector desaparece, xa que son os dous únicos estaleiros con capacidade de contratar proxectos importantes”. “Ata o de agora o naval vivía da propaganda, xa que se anunciaba a súa recuperación baseándose no número de construcións contratadas sen ter en conta o número de horas de traballo que ía supoñer”, engadiu.
Pero para a CIG a proba de que se trataba dunha recuperación ficticia é o feito de que ningún outro estaleiro se interesou polas instalacións de Vulcano.