A CIG, CUT e CCOO cualifican a xornada de “moi positiva” a pesar dos intentos da dirección por «boicotear» o paro traendo persoal doutras quendas e doutros departamentos, facendo que «traballadores da quenda de noite prolongasen a súa xornada e chegando incluso a poñer a monitores na liña de produción».
As centrais convocantes indican que o impacto da folga afectou a cadea de produción, que arrrincou tempo despois das 6.00 horas -cando se inicia a quenda de traballo dos sábados- “e funciona de xeito anómalo”. Polo tanto, a súa valoración do paro é “moi positiva, a pesares dos intentos da dirección por boicotealo». “Trouxeron persoal da quenda B e de departamentos non vinculados coa liña de produción, fixeron que os traballadores da quenda de noite prolongasen a súa xornada e incluso puxeron a monitores a ocupar postos na liña”, denuncian.
A isto, engade a CIG, hai que sumar as «presións exercidas pola dirección durante a semana mediante escritos e intentando que os traballadores comunicasen se ían exercer ou seu dereito a secundar o paro». Todas estas cuestións foron constatadas polo comité de folga, que xa deu traslado do que está a acontecer á Inspección de Traballo. Está previsto que a autoridade laboral se desprace até a factoría ao longo da mañá para manter unha xuntanza cos representantes sindicais para abordar estas cuestións.
O éxito da folga facíase tamén visible ás portas das propias instalacións de Citroën, onde un numeroso piquete informativo desenvolveu sen incidentes o seu labor dende as 4.00 horas. O máis numeroso concentrouse na entrada principal baixo un importante despregue policial, aínda que houbo presenza de piquetes en todos os accesos á empresa.
“Relacións laborais dos anos 80”
Dende a sección sindical da CIG sinalaron que a campaña de mobilización iniciada en Citroën para reclamar unha solución aos problemas derivados do incremento dos ritmos de traballo “é xa unha loita pola dignidade dos traballadores; non podemos permitir que se cometan máis abusos contra as nosos dereitos laborais e que se nos falte ao respecto constantemente”.
Critican que a dirección non queira sentarse coa representación do cadro de persoal para abordar unha situación que está a provocar un aumento dos problemas de saúde laboral e de enfermidades profesionais na empresa. “Será unha compañía 4.0 a nivel tecnolóxico, pero coa súa actitude está levando as relacións laborais de volta aos anos 80, con piquetes masivos na porta e cos antidisturbios custodiando a entrada dos empregados”.