Segundo avanza a central sindical, no escrito, elaborado coas achegas dos delegados de prevención e as seccións sindicais da CIG nas empresas da Zona Franca de Balaídos, destácanse, entre outras cuestións, os problemas derivados da falta de aparcamento, o estacionamento indebido de vehículos en carrís de circulación, a escasa ou nula iluminación nalgúns tramos, a ausencia de accesos peonís seguros, a inexistencia de marquesiñas para esperar o transporte público, a sinaléctica deficiente ou o as malas condicións do firme nalgunhas zonas.
«Por mor destas eivas xa se produciron ao longo deste ano numerosos incidentes e algúns accidentes nas vías de acceso e nos arredores do recinto da Zona Franca de Balaídos. Por iso, a CIG solicítalle ao delegado unha reunión urxente para abordar estas cuestións, analizar posíbeis solucións e que se apliquen as medidas correctoras oportunas para garantir así un acceso seguro aos centros de traballo», sinala o sindicato nun comunicado.
Neste senso, a CIG insta a que sexa o propio Consorcio quen tome a iniciativa de poñerse de acordo coas distintas administracións que teñen as competencia para resolver cada unha deficiencias denunciadas. E ao tempo, a central pide que se aproveite esta necesaria interlocución para demandar tamén a adecuación do acceso peonil dende o polígono de Navia até Zona Franca e a habilitación dun carril-bici tanto de acceso para estas zonas como de mobilidade dentro do polígono.