En concreto, a comarca de Vigo rexistrou unha ocupación do 90,2%, a do Morrazo acadou o 92,75%, o Baixo Miño chegou ata o 84,45% e o Condado e A Paradanta alcanzaron o 76,5%. Pola súa banda, os establecementos de turismo rural tiveron unha ocupación media provincial en agosto do 82%, os cámpings do 85% e as vivendas turísticas do 92%, acadando o 100% en Bueu e Vigo.
Entre xaneiro e xullo deste ano viñeron dende o estranxeiro ata as Rías Baixas 177.131 turistas, fronte aos 159.000 que o fixeron no mesmo período do 2017. O Castelo de Soutomaior e os Camiños cara Compostela pola provincia tamén acadaron porcentaxes superiores ás de agosto do 2017.
O 81,63% das persoas que acudiron ás oficinas de turismo proviñan do Estado (principalmente de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Sevilla e Vitoria) fronte ao 18,37% que procedían do estranxeiro (Portugal, Italia, Reino Unido, Alemaña e Arxentina).
Amais, o 55,25% dos visitantes tiñan entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis entre 7 e 15 días e escolleron a provincia de Pontevedra, ademais de polo sol e praia, pola cultura e ocio. En total, o 56,55% dos que chegaron ata as Rías Baixas non coñecían o destino.
Estudo de comportamento de compra do destino
Carmela Silva presentou as conclusións do primeiro estudo de comportamento de compra do destino elaborado por Turismo Rías Baixas, unha enquisa que permite coñecer datos obxectivos cos que tomar decisións intelixentes no noso plan de promoción.
Este estudo conclúe, a grandes trazos, que “Rías Baixas ocupa o destino principal das viaxes das persoas que nos visitan”, isto é, “que a maioría da xente vén e quere vir ás Rías Baixas”, asegurou Carmela Silva.
Ademais, o informe tamén establece que a provincia de Pontevedra ten un turismo que prefire os hoteis e que vén entre catro días e unha semana; que escolle o destino pola gastronomía, pola oferta cultural, pola natureza e polas praias; que internet é o medio a través do que se informan e xestionan a maior parte das súas compras e reservas, e tamén que o destino acada unha valoración moi alta, con 4,69 puntos sobre 5.