Tratarase dunha ruta circular, de tres horas e media de duración e de dificultade media-alta na que se percorrerán distintos reclamos turísticos da comarca pontevedresa como son os castros Laredo e Troña, as rutas polos ríos Xabriña e Tea ou o monte Landín.
A actividade vinculada a esta andaina realizarase no Castelo de Sobroso, onde se lles explicará aos participantes a historia, a orixe, a importancia, os momentos clave, as batallas e as persoas relevantes vinculadas a esta edificación histórica. Tamén se lles describirá aos asistentes como se vivía no antigo asentamento do castro de Troña.
O principal obxectivo do programa ‘Depo Andainas’ é a promoción do deporte e o turismo, poñéndose o foco, na edición deste ano, na posta en valor do patrimonio da provincia de Pontevedra. Así, a iniciativa da Deputación ofrece actividades de balde que impulsen hábitos saudables, pero que tamén promovan o territorio, promocionen o turismo e impulsen a preservación do medio ambiente da provincia.
Nesta edición, o protagonismo do programa recae nas actividades transversais asociadas ao patrimonio, coa intención de que os participantes poidan coñecer mellor a riqueza histórica, cultural e paisaxística da provincia.
A primeira das andainas celebrouse en maio no concello de As Neves e na que os participantes percorreron o quilómetro cero da vaga de lumes do pasado outubro. A segunda, que se desenvolveu en xuño entre Moaña e as Cíes, terá a súa continuación este domingo no Condado. O programa continuará en setembro na serra do Candán e concluirá en outubro en Gondomar.