Unha das novas apostas será o plan de renovación de establecementos de aloxamento, cun investimento de 500.000 euros dirixido a estimular, con ata o 35% do custo, a remodelación e modernización das súas instalacións, o que incrementará a calidade do servizo que prestan.
No caso da área territorial de Vigo, máis de 200 establecementos poderán beneficiarse desta liña de axudas. Serán subvencionables accións de mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.
No eido privado, tamén se incentivará a cooperación entre pequenos operadores, de xeito que deseñen e comercialicen produtos turísticos innovadores conxuntamente. A súa oferta deberá basearse en produtos que diferencian e enriquecen a Galicia como destino, como o Camiño de Santiago, a natureza, os balnearios, a enogastronomía, o turismo mariñeiro, a ruta das camelias, faros e praias salvaxes, patrimonio oculto ou santuarios máxicos. Tamén produtos dirixidos ao público familiar, ao turista sénior, unha oferta para xornadas de choiva, produtos temáticos para fins de semana ou centrados nos diferentes núcleos históricos.
Máis colaboración coas entidades locais
Para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia amplía os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros. A liña para melloras nas súas infraestruturas incrementase en 1 millón de euros ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, desde este momento pasan a ser fondos propios.
Máis de 200 entidades locais beneficiáronse deles nos dous últimos anos. Nesta convocatoria amplíanse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluiranse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico.
O apoio dos concellos ás 117 Festas de Interese Turístico de Galicia -das cales 13 celébranse en concellos da área metropolitana de Vigo-, a súa promoción e difusión tamén forman parte das novas liñas de axuda. Igualmente, as subvencións para os 47 concellos declarados municipios turísticos de Galicia, entre eles Cangas, Baiona e Nigrán, de xeito que poidan reforzar o persoal das súas oficinas de turismo de xuño a setembro.